.

.

domingo, 13 de marzo de 2016

CAMPO A TRAVÉS - CAMPIONATO PROVINCIAL E GALEGO


Durante os dous últimos fins de semana, celebráronse os campionatos provinciais e galegos de campo a través nos que participou a alumna do Ceip San Vicenzo, María Villaverde Ameijeiras, en categoría infantil.
O campionato provincial celebrouse en Narón o pasado domingo 6 de marzo. Nun circuíto moi embarrado debido ás choivas caídas durante eses días, María realizou unha carreira magnífica, de menos a máis, recuperando posicións ao longo dos 1600 metros nos que consistía a proba, entrando en meta nunha extraordinaria 5ª posición coa que acadaba a clasificación para o campionato galego.
O campionato galego celebrouse na Estrada o pasado sábado 12 de marzo. Nesta ocasión, a climatoloxía foi perfecta para a práctica do campo a través e o circuíto presentaba unhas condicións inmellorables para correr. As atletas infantís tiñan por diante 1800 metros. María realizou unha magnífica carreira, manténdose sempre nas 30 primeiras posicións, indo de menos a máis, o que lle permitíu entrar en meta nunha fantástica 21ª posición. Tendo en conta que este é o primeiro ano de María como atleta infantil, os resultados acadados pola nosa alumna/atleta son magníficos e veñen a reflectir o prometedor futuro que ten María no deporte do atletismo. Dende aquí queremos darlle a noraboa por todos os éxitos acadados nesta tempada de campo a través. Noraboa e a seguir así!.
Con estas probas, remata por este ano a participación dos/as alumnos/as do Ceip San Vicenzo nas competicións de Campo a Través, nas que os resultados foron extraordinarios.
Expericiencias, diversión, amizade, sorrisos, sufrimento, esforzo, compañeirismo, superación persoal, aprendizaxe, sacrificio, compromiso,viaxes....todo iso e moito máis é o que nos aporta o campo a través e por todo iso é polo que vale a pena participar nesta actividade ano tras ano. E recordade que aínda que gañar está moi ben, O MÁIS IMPORTANTE É PARTICIPAR, DESFRUTAR E APRENDER FACENDO DEPORTE XUNTO AOS/ÁS NOSOS/AS COMPAÑEIROS/AS.